domingo, 8 de noviembre de 2009

Ideas para o proxecto

Logo dun proceso de debate longo e duro, pero que rematou por ser fructífero, xa temos unha idea decidida para o noso proxecto. Porén, esta entrada non está adicada a comentar esa idea, senón todos os pasos previos a este punto final, e o que quedou polo camiño.

Ó ser un grupo de cinco persoas, partíamos con quince ideas iniciais:

- Unha páxina adicada á crítica de cine.

- Unha centrada na figura dalgún actor ou director.

- Unha web de crítica gastronómica, pero só de lugares nos que os estudantes nos podemos permitir comer habitualmente.

- Unha web de subastas de obras de arte, ó estilo de Sotheby's ou Christie's, pero en Internet e con obras creadas por nós mesmos.

- Unha de crítica e actualidade musical.

- Unha de temática semellante, pero centrada exclusivamente na música galega.

- Unha que cubrira as futuras eleccións a decano.

- Un canle televisivo ficticio.

- Unha web de cotilleo, na que poderíamos difundir rumores falsos pero sempre interesantes.

- Unha web na que a xente aportara listas temáticas de cancións, discos ou filmes, ó xeito de "As dez mellores cancións para un día de choiva", etc.

- Unha web sobre a fealdade, dende o punto de vista das persoas feas que, a pesar da súa eiva, conseguiron grandes éxitos na súa vida e o seu traballo.

- Un xornal dixital ficticio.

- Unha web sobre as peores películas da historia do cine.

- Unha web que apoiara a liberación de Roman Polanski, semellante a unha ONG de apoio.

- Unha web que ilustrara o nacemento dun movemento cultural, cun manifesto, influencias, exemplos da súa creación, membros do movemento, artigos, etc.

Nunha primeira criba, caeron a maioría destas ideas, xa fora pola súa difícil realización (caso da canle televisiva ou do xornal); polos problemas para aportar algo novo (como, por exemplo, se nos centráramos na vida dun director ou na actualidade musical); pola súa limitación temática ou temporal (como as eleccións a decano, as listas, a liberación de Polanski...); polos problemas éticos que plantexaba (caso dos rumores falsos ou a fealdade) ou por carecer de verdadeiro interese ou un público obxectivo difícil de concretar.

Destas quince ideas, quedamos só cunhas poucas.

A primeira delas, a da crítica gastronómica. O problema desta idea era que nos gustaba moito se falábamos dela antes de comer, pero logo de encher o estómago xa non nos aportaba demasiado. Obxectivamente, tamén nos semellou algo limitada á hora de enchela de contido, porque nos obrigaría a pensar en máis seccións aparte da simple crítica, e é complicado atopar ideas que realmente casen con ela. Polo tanto, rematamos por rexeitala, a pesar da vantaxe que supuña ter un público obxectivo definido (estudantes de Compostela).

No caso da crítica de cine, motivábanos creativamente, e partíamos de que xa tiñamos algún material do que partir para enchela de contido. Pero a existencia dunha cantidade ben grande de webs adicadas a este campo botounos para atrás, pola nosa máis que posible incapacidade de mellorar os produtos existentes ou aportar algo novedoso, tamén no que ó deseño se refire.

O tema das subastas ficticias de arte tiña de positivo que nos motivaba a crear as obras de arte ficticias, e que o seu público obxectivo era fácil de definir, pois iría en función do poder adquisitivo e do nivel cultural. O problema estaba na dificultade de crear unha páxina desas características, pois as aplicacións que se empregan sonnos completamente descoñecidas, e ademais os catálogos das webs existentes son enormes, e levaríanos moito tempo chegar a algo similar.

Por último, a que nos parecía a mellor idea era a de crear un movemento cultural ficticio e unha web que o ilustrara. Era unha idea que nos motivaba moito creativamente, posto que podíamos achegar ó respecto material videográfico, fotográfico, literario... e orientalo dunha maneira crítica e irónica contra o comportamento de moitos dos "artistas" de hoxe en día. Ademais, parecíanos que era algo que, aínda ficticio, era perfectamente factible, posto que a situación actual do arte podería provocar en calquera momento o nacemento dalgún movemento que tentara rachar co establecido, e moitas veces estes movementos xurdían a partir da acción individual dunhas poucas persoas. Ademais, o ser unha web de creación propia evitábanos depender doutras fontes e estar sempre supeditado ó material xa existente.

De todas maneiras, logo de poñer a idea en común coa profesora na clase, observamos as súas carencias: dificultade de establecer o público obxectivo, carácter excesivamente ficcional, o público non necesita realmente este proxecto, problema de poder equiparalo a outros movementos culturais do pasado.

Así pois, tamén rematamos por rexeitar esta idea. Pero, na próxima entrada, contaremos pormenorizadamente cal é a nosa idea verdadeiramente definitiva.

No hay comentarios:

Publicar un comentario